O alcalde de Foz presidiu onte á presentación da V Festa Normanda de Foz, que se celebrará os días 28,29 e 30 de agosto. Seguida dunha exhibición de batukada e dun desfile de traxes, o acto xuntou no Campo da Cabana a numerosos veciños e visitantes.
“A asistencia de público foi moi alta, máis de 300 persoas se presentaron para ver ese desfile de roupa normanda e de campesiño e para dar inicio á Festa Normanda, que será os días 28, 29 e 30 de agosto. Estamos moi contentos coa organización e coas expectativas que xera este evento. A Festa Normanda xa é unha referencia na Mariña neste tipo de festas de recreación histórica. A verdade é que o Concello de Foz está tremendamente activo e proba disto é tamén o programa que temos para esta fin de semana”, indicou o rexedor municipal.
Ademais de facer balance do primeiro aperitivo da Festa Normanda, o alcalde tamén adiantou os eventos que se celebrarán esta fin de semana ao longo do municipio, que conxugan música, festas populares e deporte: “comezamos hoxe, venres, coa última sesión de Sons na Rúa, na Praza do Concello, por parte da Coral Polifónica de Foz. Iniciase hoxe tamén o festival de música heavy HellFoz, que terá lugar durante a noite de hoxe e o día de mañá na explanada portuaria. E tamén para mañá temos un extensísimo programa: seguimos co Hellfoz, pero tamén temos a zorzada dos Celtas de Foz, que é unha actividade do equipo de baloncesto para recadar fondos. Celebramos tamén a festa dos Fondás, en Mañente, a festa da parroquia de Nois, e tamén mañá o Encontro Galaico-Astur con diferentes corais de Galicia e Asturias, na Sala Bahía, organizado pola Coral de Foz. Xa para o domingo teremos o festival folclórico organizado polo Feitizo na Praza Conde de Fontao. Remataremos a tarde do domingo coa 53ª edición da Travesía a cargo do Club Kayak de Foz”, enumerou Castiñeira.
O rexedor amosouse moi satisfeito co programa cultural da fin de semana e pola implicación dos colectivos culturais e do Concello para sacalo adiante, especialmente “nunha fin de semana que normalmente era de transición dun mes para outro e que non tiña un programa cultural, de ocio e deportivo máis ou menos estable. Queremos felicitar dende o Concello a todos os organizadores que fan posible que Foz siga cunha actividade incrible que ao final tamén redunda nunha actividade económica marabillosa e nunha gran ocupación turística, pois estamos falando de preto 27.000 persoas as que están gozando da nosa vila. Estamos moi contentos con esta programación, moi activos e moi orgullosos dos que fan posible que haxa máis de 10 actos nesta fin de semana”, concluíu Javier Castiñeira.