Música, teatro e poesía protagonizarán o VII Encontro no Eido Dourado, que se celebrará o 27 de xuño.

Música, teatro e poesía protagonizarán o VII Encontro no Eido Dourado, que se celebrará o 27 de xuño.
 
O VII Encontro no Eido Dourado terá lugar o vindeiro 27 de xuño. No acto, co que arrincará a nova tempada deste espazo dedicado ao arte, daranse cita a música, a poesía e o teatro, segundo deu a coñecer neste xornada o artista Celso Dourado. 
Dourado contou que “estamos ultimando os detalles e coordinando todas as intervencións. Cada ano que pasa súmanse máis e máis amigos e a verdade é que non sabemos como vamos facer para darlles cabida, polo que estamos cos últimos preparativos”.
O artista barreirense indicou que “este sétimo Encontro no Eido Dourado, que dará comezo ás 8 da tarde do vindeiro 27 de xuño, sábado, vai ter como cabeceiro a poesía alternativa e musicada feita en galego. Neste apartado dalgunha maneira a voz cantante levarana Lucía Aldao e María Lado, dúas poetisas que musican poesía e a verdade é que fan un espectáculo realmente marabilloso. Serán acompañadas por Paco Pestana, no seu apartado de poeta, e tamén por O Leo Arremecághona. Isto cerrará o apartado da poesía alternativa”.
Celso Dourado seguiu a relatar que “despois na música estará con nós Falúa, que é un grupo que acompaña a unha voz solista, que é a de Sara de Sousa, unha fermosa voz a cabalo entre Galicia e Portugal que levará a batuta da parte musicada. Tamén estarán, como nós, os vellos amigos Mini e Mero; e presentarannos o seu novo disco, que está tendo tanta fama a nivel incluso de Madrid, Vadzim Yukhnevich e Abraham Cupeiro, co seu proxecto Compromiscuo. E xa remataremos con teatro: estarán Os Quinquilláns, un grupo cunha longa traxectoria no panorama da escena en Galicia; Pepe Penabade e Manuel Lourenzo, o dramaturgo por excelencia do noso país, que terá unha breve intervención neste sétimo encontro”.
Dourado lembrou que “os encontros no Eido Dourado, como arranque de tempada, sempre os facemos o último sábado do mes de xuño e son abertos a todo o público. E quero comentar tamén que un ano máis será presentado pola actriz e xornalista Comba Campoy, quen coordina todo este evento”.