O Concello de Viveiro organiza actividades para a eliminación da violencia contra as mulleres os días 25 de novembro e 2 de decembro

O Concello de Viveiro presenta a súa programación para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra As Mulleres, que inclúe actividades os días 25 de novembro e 2 de decembro.

Os actos comezarán o luns 25 de novembro cunha concentración ás 12:00 horas na que se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista. Posteriormente, ás 20:30 horas terá lugar o acto central na Praza Maior, no que se procederá á lectura dos Manifestos e se acenderá unha candea por cada muller asasinada no último ano. Asemade, ao longo da tarde do 25N o Grupo de Participación Xuvenil desenvolverá a acción comunitaria “Di Stop á Violencia”.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca “a necesidade de dotar de recursos á xuventude para combater a violencia contra as mulleres. É vital formar á rapazada para inculcar bos hábitos e ferramentas para detectar posibles casos de violencia en todos os sectores da sociedade. Dende Viveiro seguiremos traballando porque ‘Nin unha máis, nin unha menos’”, subliñou a alcaldesa.

Pola súa banda a concelleira de Muller e Igualdade, Lara Fernández Fernández-Noriega, tamén incidiu na “importancia de tecer redes cos centros educativos para levar ás aulas actividades formativas de prevención”.

O programa do 25N continuará o 2 de decembro con Cine Foro, espazo no que se proxectará o documental “En deuda con todas”, unha produción que achega a realidade de mulleres doutros continentes e que busca visibilizar a vulneración de dereitos fundamentais que sofren as mulleres no mundo. Dende o Concello de Viveiro agradecen ao Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade esta iniciativa que terá lugar na sala multiusos municipal.

Ademais ao longo das vindeiras semanas o Concello impulsa actividades formativas nos centros de ensino de secundaria do municipio. Así, desenvolveranse dous obradoiros: “Previr a violencia e o acoso por homofobia” e “Prevención do suicidio na adolescencia como consecuencia das violencias ou acoso”. E haberá tamén unha charla: “Agresións sexuais e violencia sexual”.