O Concello de Viveiro, coa colaboración da Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas), organiza as VII Xornadas Cidade de Viveiro de Historia e Arqueoloxía Marítima, que se celebrarán os días 10, 11 e 12 de novembro.
Na presentación das xornadas participaron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; Jesús Fernández, concelleiro do Mar, e Antón López, delegado da FEDAS no noroeste de España.
María Loureiro destacou o nivel dos relatores e asegurou que a xornada xa é unha cita consolidada a nivel nacional e internacional. “É unha das mellores formas de poñer en valor a nosa historia, sempre vencellada ao mar”, asegurou.
“As xornadas inclúen unha exposición e ponencias de temas como a xestión do patrimonio, a historia marítima, a arqueoloxía subacuática ou a conservación do material”, explicou Jesús Fernández.
Tamén haberá unha degustación da comida de a bordo no século XVIII, que tivo moi boa acollida o ano pasado.
“Un ano máis, todos os ponentes deste foro son de primeiro nivel, consolidando unhas xornadas que teñen unha clara vocación internacional”, apuntou pola súa parte Antón López.
A xornada do domingo será máis en clave local, con ponencias sobre o proxecto Ría de Viveiro; A colección de instrumentos de navegación no programa de difusión do Museo Massó de Bueu; A restauración do pecio da Magdalena exposto no Museo da Construcción Naval de Ferrol (Exponav), e A evolución da muller do mar.
As xornadas convertéronse xa nun punto de encontro de arqueólogos, historiadores e afeccionados e conseguiron reunir máis dun centenar de asistentes nas últimas edicións. A inscrición nestas xornadas pódese realizar nas páxinas web da UNED-Lugo e o Concello de Viveiro.