O mosteiro de San Salvador, en Lourenzá, acolle unha exposición sobre os xogos e os xoguetes de Fernández del Riego.

A exposición Don Paco, o pícaro argalleiro atópase nas instalacións do Mosteiro de San Salvador, de Vilanova de Lourenzá. Trátase da primeira ocasión na que, dentro da programación de actividades dun Día das Letras se inclúe unha exposición que reúne os xogos e xoguetes que formaron parte da vida do autor homenaxeado.

A exposición recolle, previo estudo da obra de Francisco Fernández del Riego, os xogos e xoguetes citados por el como parte da súa crianza. Foron Xosé López e Xosé Manuel García, responsables do museo O recuncho das argalladas, radicado no Pazo de Tovar, tamén no concello de Lourenzá, as persoas que decidiron acometer este ambicioso e orixinal proxecto. As persoas promotoras son recoñecidas en Galicia e fóra das súas fronteiras como dous dos principais estudosos, na actualidade, sobre o xoguete tradicional. 

A información que reflicten os paneis que conforman a exposición foi recompilada previa consulta da obra do autor, pero todo parte dos prólogos que don Paco escribiu para dous dos libros con autoría de Xosé López e Xosé Manuel García: Os Xoguetes esquecidos, vol. I e II. 

O Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego saúda a iniciativa e agarda que perdure no tempo, en futuros Días das Letras, porque “hai unha realidade evidente: calquera autor, calquera autora homenaxeada terá xogado de neno/a e mesmo de adulto/a. Tendo en conta que o xogo axuda a conformar a personalidade, a sermos persoas, estudar e sacar á luz os xogos e xoguetes que formaron parte do autor/a axudará a entender mellor a súa vida e a súa obra”.