O Concello de Cervo, a través das delegacións de Educación e Xuventude, convoca un ano máis con motivo do Día dos Namorados o tradicional certame de amor na rede que xa vai pola IX edición.
Tal e como avanzaron as edís responsables, Dolores García Caramés e Denise Galán, nesta ocasión os traballos deberán compoñerse en torno á idea do Amor Propio ou “autoamor”, “no que será unha homenaxe a un/unha mesmo/a”.
Todos aqueles/as interesados/as poderán presentar o seu traballo en tres formatos diferentes: unha carta que non supere o espazo dun DIN-A4, un vídeo que non supere a duración de un minuto, ou unha foto. Estableceranse dúas categorías en función da idade: unha para maiores e outra para menores de 18 anos.
O prazo de presentación para a entrega dos traballos remata o domingo 12 de febreiro. Poderán enviarse a través do correo electrónico cervocultura@gmail.com ou a través do Whatsapp 683 315 939.
Os orixinais serán publicados o martes 14 de febreiro no Facebook do Concello de Cervo. Aqueles que teñan máis “gústame” nese día serán os/as gañadores/as na súa correspondente franxa de idade e categoría. Ademais, entregarase un premio ao traballo máis orixinal en cada unha das categorías de idade.
Os/as gañadores/as publicaranse o mércores 15 de febreiro nas redes sociais do Concello de Cervo.
Na categoría para menores de 18 anos, o premio consistirá nun vale de 40€, para os mellores traballos en cada un dos formatos, para gastar en calquera establecemento do Concello de Cervo. Na categoría para maiores de 18, a recompensa será un vale, tamén por cada formato que resulte gañador, que se poderá trocar por unha cea para dúas persoas en calquera establecemento hostaleiro do termo municipal.