O Concello de Viveiro xa ten lista a programación cultural para o Teatro Pastor Díaz nos meses de febreiro, marzo e abril, cunha oferta variada de música, danza e teatro para todas as idades.
No vindeiro mes subirá ao escenario do Pastor Díaz a compañía Chévere, que co seu espectáculo ‘Nevermore (A Caixa negra do Prestige)’ reconstrúe a catástrofe ecolóxica que viviu Galicia hai dúas décadas e a conecta coa pandemia. Tamén Titzina Teatro presenta en Viveiro ‘Búho’, unha peza que se mergulla no concepto da identidade.
En marzo será a quenda de ‘A música das beguinas’ co folk tradicional de Mamá Cabra e Bellón Maceiras e dunha dobre cita co teatro da man, primeiro, de Culturactiva, que representará ‘As alumnas’, e despois do Teatro Andazas que porá en escena ‘Baile de huesos’.
En abril o Pastor Díaz acolle o espectáculo de danza contemporánea de Paula Quintas, con ‘Nina Ninnette’, e ao artista de performance, Félix Fernández, que presenta ‘Constantes do porvir’.