A Área de Desenvolvemento Local de Ribadeo presenta outro dos enfoques do Ribadeo Suma e que leva por nome, Ribadeo + Economía Circular, que é un programa de difusión, formación, asesoramento, acompañamento de cara a promover e facilitar a transición circular como fonte de vantaxe competitiva para negocios do sector turístico.
O programa contará con 3 fases.
O concelleiro Pablo Vizoso explica que “a primeira fase de difusión do programa no que teremos un charla cun negocio que xa está a pór en práctica medidas circulares como é o proxecto Cabañitas del Bosque. Neste encontro aproveitaremos para explicar o programa e as persoas profesionais e especializadas que levarán a cabo o proceso”.
O encontro será o vindeiro 5 de outubro ás 17:30 horas na Casa do Concello e está aberto a todas a persoas interesadas en participar. Para máis información e inscricións hai que dirixirse ao correo adl@ribadeo.org ou ao teléfono do Concello de Ribadeo.
O edil de Desenvolvemento Local sinala que “a segunda fase será a posta en marcha cun programa de Formación máis mentorización, que se desenvolverá nos meses de outubro/ novembro e estará dirixido á hostalaría e restauración de Ribadeo. No transcurso deste programa preténdese dotar aos participantes dunha diagnose, de instrumentos e medidas para pór en marcha dentro dos seus establecementos que lles permita iniciar a transición dos modelos de negocio cara unha economía máis circular, a modernización a través da sostenibilidade, xestión eficiente de recursos, experiencia do cliente e que ademais permita un aforro de custes para as empresas, unha mellor imaxe e benestar social, entre outras cousas”.
Vizoso Galdo engade que “a terceira fase será un Taller de Ideación colaborativo. As razóns que xustifican a posta en marcha susténtanse en que o futuro do sector turístico pasa por ser circular ou non será e hai que ter en conta ademais que todas as políticas públicas camiñan cara ese sentido. De aí que o Concello de Ribadeo que posúe unha economía local altamente especializada neste sector, desexa acelerar a transición a través do desenvolvemento deste programa de cara a facilitar unha posición de liderado na transición cara a economía circular e cara un sistema produtivo máis eficiente e sostible no uso de materias primas”.