O 14 de agosto terá lugar unha nova edición do Soa Forte, un festival alternativo que pretende pór en valor o Forte de San Damián. Os artistas que se darán cita neste espazo son Catuxa Salom, Río & Daiv e Amoebo e Tecor Societario. O evento foi presentado pola concelleira de Cultura, Pilar Otero.
A edil explicou que “este 14 de agosto volve o Soa Forte, un festival que podemos denominar alternativo, nos seus protagonistas e músicas, e que pretende tamén pór en valor o Forte de San Damián como espazo privilexiado para este tipo de actividades culturais. A cita comezará ás 18.00 horas do domingo 14 de agosto cun prezo de entrada de 5 euros. Coma o ano anterior, o colectivo artístico ribadense As Vacas Fracas acompañarán os concertos cunha intervención plástica”.
Pilar Otero contou que “o cartel inclúe as seguintes artistas e formacións: Catuxa Salom, Río & Daiv e Amoebo e Tecor Societario. Catuxa Salom representa esa xeración que soña con volver ao campo e vivir de xeito tranquilo. Artista galega de raíces arxentinas vive asentada na aldea, cun estilo musical que destila ecofeminismo, xunta folclore galego con ritmos tribais latinoamericanos baixo un interesante envoltorio electrónico. Pablo Río e David Fernández levan desde a adolescencia vinculados a diferentes proxectos musicais ribadenses. Sacaron a finais de 2021 o seu primeiro EP Oír, no que mesturan ritmos e sons, desde o boombap máis clásico ao son urbano máis actual. As letras son unha síntese das virtudes e debilidades do ser humano, transmitidas no escenario a través da euforia, a rabia e o desexo. Pola súa banda, Amoebo queima procesadores a base de moito autotune e percusión latina. E desde Compostela chega Tecor Societario, punk folk de raíz. No seu variado repertorio destaca a mestura da música tradicional e actual. Combínanse gaita, acordeón e mandolina nunha simbiose única con guitarra”.
A concelleira de Cultura engadiu: “como se ve, música de calidade, alternativa, que mestura presente e pasado nos seus ritmos e que convida a bailar nunha tarde de verán no forte de San Damián”.