A Formiga Producións Teatrais chega o domingo, 22 de maio, a Ribadeo con Alén, unha comedia negra sobre a negra morte. Está protagonizada por Silvia Lorenzo e Daniel Celester e dirixida por Gustavo del Río. Será a partires das 20:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval.
A Formiga presenta o seu primeiro espectáculo profesional; unha comedia negra de creación colectiva sobre o tema negro por excelencia, a morte, e cuxo nome nos remite non só o máis alá dos espíritos e da Santa Compaña, senón tamén ao dos vivos, ao dos que quedan na Terra. Alén é, por tanto, tamén aquí. Unha visión holística do deceso e de como este, paradoxicamente, afecta a todos os campos da vida. Aínda que se cadra a nós dun xeito algo diferente. Despois de todo, Galicia sempre tivo unha relación moi próxima coa morte, non si...?