Os Reis Magos saudarán ás nenas e aos nenos de Ribadeo o 5 de xaneiro desde o quiosco da música de seis a oito e media da tarde.

Por segundo ano consecutivo os Reis Magos saudarán ás nenas e aos nenos de Ribadeo desde o quiosco da música o vindeiro mércores, 5 de xaneiro, entre as seis e as oito e media da tarde. Melchor, Gaspar e Baltasar contactaron co Concello para comunicar que atenderán as recomendacións da Xunta, polo que non haberá desfile, pero si se poderá ver aos Reis Magos en Ribadeo. Así llo indicaron ao alcalde, Fernando Suárez, e á comisión organizadora da cabalgata.  

O rexedor dixo que “todo o mundo é sabedor das circunstancias actuais ás que nos temos que enfrontar por mor da pandemia que aínda temos e acabamos de saber, por fontes da Consellería de Sanidade, que a día de hoxe temos en Ribadeo 110 casos activos, na liña de moitos outros concellos da Mariña e do país”. 

Suárez Barcia explicou que “á vista disto debemos tomar en consideración todas as recomendacións que fixeron desde a Consellaría de Sanidade, da Xunta de Galicia, no sentido de non facer a cabalgata tradicional coma sempre, como desfile, senón estática. Isto é, facer algo semellante ao ano pasado”.

O alcalde subliñou: “pero a noticia hoxe é que os Reis Magos acaban de chamar ao Concello e deixaron aviso de que van atender a estas recomendacións da Xunta, polo que o mércores, 5 de xaneiro, van vir a Ribadeo e vanse deixar ver de 18:00 a 20:30 horas no parque de San Francisco. Van estar no Quiosco da Música, tal e como o fixeron o ano pasado, durante dúas horas e media aproximadamente para que todos os nenos e nenas de Ribadeo, acompañados dos seus pais e nais, poidan velos e queden convencidos de que este ano tamén veñen os Reis”. 

Fernando Suárez sinalou que “evidentemente van poder saudalos, pero non van poder falar con eles nin sentárense no seu colo porque hai que manter a distancia de seguridade. Para axudarnos en todo isto os voluntarios de Protección Civil e a Policía Local van estar orientando ao público, como debe proceder nesa visita tan fugaz dos Reis Magos”.

E engadiu: “e logo desta breve aparición dos Reis Magos todos os nenos e nenas deberán marchar para os seus fogares coas súas familias, prender o ordenador, a tablet ou o móbil e buscar no facebook do Concello de Ribadeo, porque alí, e por segundo ano consecutivo, os Reis Magos van facer o seu discurso virtual para todos os nenos e nenas de Ribadeo, tanto da vila como das parroquias. Esta solución foi a que acordamos desde o Concello de Ribadeo coa comisión da cabalgata e tamén cos propios Reis Magos como o mellor xeito de actuar con responsabilidade para que a pandemia non vaia a máis ao tempo que garantir que os Reis Magos fagan o seu traballo con seguridade e con eficacia, coma sempre”.