Hoxe, mércores, abriuse a inscrición para participar na VII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais que terá lugar o 18 de setembro.
O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, contou que “é a sétima edición. O ano pasado, debido ao que todos estamos a sufrir co tema da pandemia, estivo cancelada. Vai ser o sábado 18 de setembro e a saída será ás cinco da tarde. Adiantámola un pouco polo tema do protocolo, imos ter un protocolo especial da Federación de Atletismo e vai requirir uns pasos previos á celebración da proba”.
O edil salientou que “como sempre, este ano e os outros, dependemos moito do voluntariado e contaremos con todo o apoio deles. Queremos agradecerlles a súa colaboración para que esta carreira sega sendo un referente na media maratón na Mariña. A todos os participantes dicirlles que están convidados a ver este marabillosa contorna da carreira. Esperemos que vaia todo ben, que poidamos celebrala dentro da normalidade posible, que haxa moita saúde para poder correla e animalos outro ano máis a desfrutar da carreira”.
Díaz Freije engadiu que “as inscricións están abertas desde hoxe, mércores. Vai haber tres tramos de prezos, como todos os anos, e van estar identificados na web e na inscrición. As persoas que queiran anotarse van ter toda a información dispoñible nese portal de internet”.
A VII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais foi presentada polo concelleiro Jorge Díaz e polo técnico municipal de Deportes, Iván López.