O Concello de Viveiro, xunto á asociación de alumnado adulto do Conservatorio de Música de Viveiro e ao propio centro, organizan un curso gratuíto de iniciación á música, dirixido a persoas adultas sen coñecementos musicais previos.
A formación impartirase durante o mes de maio e pretende achegar ao mundo da música a aquelas persoas con inquietudes musicais que non tiveron a oportunidade de acercarse anteriormente.
As prazas para o curso serán limitadas e a matrícula deberá realizarse entre o 26 e o 29 de abril nas oficinas do Conservatorio de Música ou chamando ao teléfono 982560486.
A Asociación de Alumnado Adulto do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro Melomanía, que preside Mario Vale, é unha asociación musical viveirense sen ánimo de lucro que imparte clases de música para adultos.
No próximo curso, as materias ofertadas serán acordeón, batería, canto, clarinete, frauta, gaita, guitarra, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, piano, saxofón, linguaxe musical, coro e edición de partituras. As clases de linguaxe musical e coro serán grupais, e as de instrumento individuais, con horarios flexibles a concretar entre profesor/a e alumno/a.
Esta asociación, que leva funcionando desde o curso 2008-2009, ten diferentes agrupacións corais e instrumentais, onde os alumnos teñen a posibilidade de participar e demostrar os coñecementos adquiridos durante o curso. A última agrupación formada no seo da asociación é o sexteto de música tradicional "Amigos do folk".
Na presentación desta iniciativa participaron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García; o primeiro tenente de alcalde e responsable do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, Jesús Fernández Fernández; a xefa de estudos do Conservatorio, Beatriz Vale; e os directivos da asociación Mario Vale, Antonio Tarrío e Roque Fanego.