O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acollerá o vindeiro sábado, 17 de abril, a representación de A compañeira de piso a cargo de Contraproduccións. A actuación dará comezo ás 19:00 horas.
Conta a historia de Sharon, un ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada, que publica un anuncio para compartir a súa casa no corazón do rural de Iowa. Sharon procura alguén coma ela pero queda de pedra cando chega Robyn que non podía ser máis diferente, lesbiana, vegana e chegada do Bronx. Pero lonxe de arredarse, comeza a experimentar co estraño e prohibido xeito de vida de Robyn sen saber que a súa inquilina procura un refuxio no que agocharse e cambiar de vida.
Trátase dunha adaptación de Lilian Portela da comedia The Roommate, da autora americana Jen Silverman, en coprodución co Centro Dramático Galego.
Baixo a dirección de Belén Pichel e Cándido Pazó, o elenco artístico está formado por Patricia Vázquez e Rebeca Montero.
A reserva de entradas pódese facer no teléfono 982 560 162 e en rbg.cultura@viveiro.es.