Os locais hostaleiros de Foz ofrecerán menús normandos os días 28 e 29 de agosto. A iniciativa, de AciaFozCCA, pretende deste xeito render homenaxe á décima Festa Normanda que neste 2020 non se poderá celebrar debido á pandemia do covid.
AciaFozCCA decidiu levar a cabo esta cita gastronómica, que coincide co décimo aniversario da Festa Normanda, para que a xente non se esqueza da data e a celebre na hostalería ou ben levando os manxares para as súas casas “con sentidiño e respectando as normas sanitarias que están en vigor neste momento”, subliña José Carlos Paleo, presidente de AciaFozCCA.
Paleo sinala que “queremos manter vivo o espírito da Festa Normanda nun fin de semana tan sinalado no que celebraríamos a súa décima edición. Por mor do covid a festa, como tal, non se poderá desenvolver pero si o faremos desde o punto de vista gastronómico, o que nos dará a oportunidade de facer tertulias en familia, entre amigos, nas que disfrutaremos coas anécdotas e recordos de batallas pasadas”.
Colaboran na organización do X Menú Normando o Concello de Foz e a Xunta de Galicia.