A programación das actividades organizadas polo Concello de Lourenzá para este Nadal arranca este venres, día 18, ás 15:20 horas cunha actuación de Títeres Cascanueces no colexio público Juan Rey.
Xa partir da vindeira semana bota a andar a Escola de Nadal impartida por persoal do Ximnasio Municipal con actividades dirixidas aos máis novos. O día 23 de decembro Papá Noel visitará as instalacións do centro de día, do Punto de Atención a Infancia e arredor das seis da tarde recibirá na portería da Casa do Concello a todos os nenos cunhas lambetadas. A continuación proxectarase un filme dirixido ao público infantil.
O domingo, 27 de decembro, ás 18:00 horas, terá lugar un concerto de panxoliñas na Igrexa Parroquial de Vilanova a cargo da Asociación Osorio Gutiérrez. Para o día 28 o Concello está a organizar unha viaxe a Xuvenlugo para nenos e nenas de idades comprendidas entre 3 e 16 anos.
O día 30 de decembro os nenos e nenas da Asociación Osorio Gutiérrez farán un percorrido polas rúas de Vilanova pedindo o tradicional aguinaldo a partir das seis e media da tarde.
A programación remata o día 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis cun percorrido polas parroquias do municipio.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explicou que as actividades están pensadas para todos os grupos de idade e chamou á solidariedade cos que menos teñen: “pensamos nunha programación con múltiples actividades lúdicas e culturais destinadas para o goce de toda a familia. Son actos pensados para todos os sectores de idade, pero máis especialmente para os máis novos, que son os verdadeiros protagonistas da ilusión destas datas. O obxectivo principal é poñer en valor as tradicións e as costumes asociadas ás festas do Nadal e favorecer a participación e integración en familia. É unha labor importante fomentar a conciencia social e a solidariedade nunhas datas tan importantes coma estas. Debemos ter presente a toda aquela xente que non ten teito nin un alimento para levar a boca, nin tan sequera un familiar con quen pasar en compañía estas festas. Nestas datas máis que nunca debemos ser solidarios con todos eles”.