A 3ª Feira de Gando de Cangas de Foz celebrarase este domingo, 16 de agosto. Haberá unha carpa para degustar polbo á feira e churrasco.

A 3ª Feira de Gando de Cangas de Foz celebrarase este domingo, 16 de agosto. Haberá unha carpa para degustar polbo á feira e churrasco.
 
O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, presentou a 3ª edición da Feira de Gando de Cangas, que terá lugar o vindeiro domingo 16 de agosto na área recreativa dos Castros dende as 10 horas. No recinto feiral instalarase unha carpa para degustar polbo á feira e churrasco e, durante a mañá, os asistentes poderán participar en paseos gratuítos en cabalos, así como unha animación musical a cargo dunha discoteca móbil. Haberá até 4 premios, por categorías, para andadura chapeda cruzados, andadura de trotóns, andadura serrada cruzados e carreira de burros. 
Javier Castiñeira destacou que a Feira de Gando de Cangas “é unha alternativa máis para o próximo fin de semana, vinculada ao mundo rural e agrogandeiro. Haberá feira e exposición de maquinaria, ademais dos concursos de andadura que se fan pola tarde no campo de fútbol de Cangas. É unha alternativa moi interesante para todos aqueles aos que lles gustan os cabalos e o gando. É un clásico nesta parroquia e únese a cantidade de actividades máis da fin de semana, como é a festa popular de Marzán,  o sábado, na que os veciños ademais de organizar unha festa gastronómica celebran unha verbena á que acude moita xente neste barrio tan popular de Foz”.  
O alcalde tamén salientou outras ofertas culturais para a fin de semana na vila: “teremos ademais o festival Tentacle durante toda a fin de semana para o publico máis mozo. A oferta deportiva tamén é altísima, pois temos o torneo de baloncesto organizado polos Celtas toda a fin de semana e a Carreira Popular que será o sábado”, lembrou.
Para o público máis novo tamén seguen en marcha as Noites Alternativas e o Ciclo de Teatro no colexio nº1.  “Seguimos até rematar o verán cun ritmo altísimo, dando á xente alternativas con diferentes maneiras de divertirse, ocio, deportes, cultura, nun municipio que está repleto. Estamos encantados de que a xente non teña tempo a aburrirse”, rematou Javier Castiñeira.