Unha veciña de Asturias foi a gañadora dunha das viaxes que Acisa Ribadeo sorteou na súa campaña de San Valentín

Mónica Arias González, veciña de Serantes (Asturias), foi a gañadora dunha das viaxes que Acisa sorteou na súa campaña de San Valentín. A afortunada recibiu o seu premio esta mañá. 

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “Mónica Arias González, de Serantes, foi a gañadora dunha das dúas viaxes que sorteabamos con motivo da campaña de San Valentín. Mónica puido gañar o premio grazas a unha compra realizada en For Friends, onde recibiu a rifa co número 4.548”.

E sinalou que “a agraciada pode desfrutar deste premio tan especial dende hoxe. Mónica Arias poderá escoller entre 5.100 destinos para pasar dúas noites con almorzo para dúas persoas”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “a outra viaxe que correspondía á rifa 1.665, entregada en Miss-Tic, non foi reclamada polo que o premio quedou deserto. Esa viaxe sortearase nunha futura campaña de Acisa Ribadeo”. E aproveitou para agradecer “o apoio ao comercio local tanto das nosas veciñas e veciños, como os de toda a contorna, tanto de Asturias como Galicia. E animámolos a seguir apostando polos nosos negocios durante todo o ano, porque ademais de mercar poden levar algún importante premio”. 

O premio foi entregado nas oficinas de Acisa esta mañá pola presidenta e o xerente do colectivo empresarial. Esta actividade, a campaña de San Valentín, está cofinanciada pola Xunta de Galicia.