Ollomao, de Barreiros, convoca o Concurso de reels pola igualdade, especialmente dirixido á mocidade

"Ollo, cámara... Acción: reels pola igualdade" é o nome do certame que vén de convocar o Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, cuxo eixo temático central e principal cuestión a reivindicar é a igualdade real e efectiva entre as persoas de diferente xénero.

A participación no concurso está dirixida a calquera persoa desde os 12 anos (ou a cumprir neste 2024) e matriculada nun centro de ensino, que desexe participar. As pezas presentadas a concurso deberán ser pequenos vídeos de non máis de un minuto de duración, que empreguen o galego e nos cales se defenda a erradicación da desigualdade de xénero ou se mostren en clave positiva exemplos de situacións dunha igualdade real. Os reels ou microvídeos, tan empregados en redes sociais como Instagram ou Tik Tok, son parte da inspiración deste concurso, que busca contribuír a viralizar a importancia dunha sociedade igualitaria e que a mensaxe non deixe de estar presente nas persoas máis mozas.

O prazo de participación remata o 31 de maio de 2024 e as bases do concurso así como o documento de inscrición online están dispoñibles en https://n9.cl/ollomaoinscricionebases ou en https://n9.cl/descargarbaseseanexos se se desexa descargar en formato .PDF, así como nas redes sociais (Facebook e Instagram) do Colectivo Cultural Ollomao.

Os premios consisten nun vale por valor de 300 euros para destinar á compra de material bibliográfico ou audiovisual para  a persoa ou persoas autoras do vídeo gañador, e outro de 200 euros e co mesmo concepto para o segundo clasificado. O xurado do certame estará composto por 5 persoas expertas e/ou vinculadas coas artes audiovisuais e coa igualdade de xénero. O acto de entrega de premios levarase a cabo o 15 de xuño nunha gala onde se darán a coñecer as persoas gañadoras e se proxectarán as pezas presentadas a concurso. 

Dende Ollomao poñen a disposición de todas as persoas o enderezo electrónico colectivo.cultural.ollomao@gmail.com, así como o número de teléfono 678.54.65.26 (Marisa), para dirixir calquera dúbida ou consulta relacionada con este concurso.