O libro sobre o fotógrafo e músico Edelmiro Méndez preséntase na Pontenova o 27 de outubro

O libro dedicado ao fotógrafo e músico Edelmiro Méndez presentarase o 27 de outubro, venres, ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura da Pontenova.

A Editorial Canela explica que Edelmiro Méndez foi “fotógrafo e músico, que desenvolveu o seu oficio no concello da Pontenova durante a segunda metade do século pasado. Agradecemos as facilidades da familia, que puxo á nosa disposición os negativos cos máis de 3.000 fotogramas sobre os que traballamos para facer a selección das 219 imaxes en branco e negro, dun período comprendido entre os anos 1957 e 1964, que aparecen no libro, aos autores dos textos, revisores lingüísticos e as moitas persoas que axudaron a identificar os protagonistas e os lugares.

O libro, de gran valor antropolóxico, etnográfico, histórico e estético para toda Galicia, está publicado en alta calidade de impresión, que fixemos en Gráficas Lar, de Viveiro, a quen tamén lle agradecemos a disposición, axuda e sensibilidade, que daría como resultado a magnífica obra que agora xa está ao voso alcance. Agardamos que este traballo axude a recoñecer a grandeza da obra fotográfica de Edelmiro Méndez e tamén a dimensión profunda de cada xesto, situación ou paisaxe que el rexistrou no seu día e que hoxe revelan a personalidade viva da terra que fomos, da terra que somos aínda”.