Na X Carreira Popular das Praias, que se celebra o 29 de marzo en Barreiros, hai máis de 350 participantes inscritos

Esta fin de semana tivo lugar a presentación da carreira popular das praias á que acudiu a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, o concelleiro de deportes, Dani García, xunto con membros da asociación organizadora A.C.D. Praias de Comado aos que lles agradeceron a “súa implicación en promover o deporte, especialmente entre a rapazada e, por crear un evento atractivo para Barreiros no que participan persoas de todas as idades”.

O evento deportivo conta con tres modalidades; ás 11:30 horas na praia de Altardarán comezo as probas infantís, á mesma hora, 11:30 terá lugar a saída da andaina desde a praia de Arealongaconchegada na praia de altar percorrendo todo o litoral barreirense. Xa, ás 12:00 horas, tamén na praia de Arealonga, terá lugar a saída da proba absolutana cal as e os participantes deberán salvar unha distancia de 9 km de area mollada e paseo marítimo ata chegar a praia de Altar onde estará situada a meta.

A Carreira popular das Praias está incluída no circuíto de carreiras populares +KmBarreiros, organizado polo Concello de Barreiros e que este ano vai pola súa terceira edición. 

Esta é a segunda proba do circuíto logo de que no nadal se celebrara a Carreira popular de Reis, agora é a quenda da Carreira Popular das Praias, á cal seguirán a ½km vertical Monte Comado, a Benquerencia Terra Mar, o Trail Monte Comado e a Carreira Ao Son do Masma.

A rexedora municipal lembra que “Barreiros é un enclave natural que conforma unha mestura perfecta de praia e montaña no que albergar multitude de disciplinas deportivas e no que é posible fomentar un turismo activo cheo de experiencias medioambientais”.

O concelleiro de deportes, Dani García, sinala que “este ano contamos con dúas clasificacións máis dentro do circuíto Máis Kms Barreiros; unha dentro das categorías absolutas, nas cales se poden formar equipos de ata un máximo de 8 participantes e outra na que participan os colexios e institutos sumando puntos por cada alumno/a que participe nas carreiras”.

Toda a información das probas así coma as inscricións nas mesmas pode facerse desde a web https://maiskmsbarreiros.gal.