Mariña Patrimonio organiza o 9 de marzo unha charla sobre os xacementos arqueolóxicos costeiros de Ribadeo, Barreiros e Foz

A Asociación Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro sábado, 9 de marzo, unha charla sobre os xacementos arqueolóxicos costeiros de Ribadeo, Barreiros e Foz. A charla, que conta coa colaboración do Concello de Foz e da Vicepresidencia - Área de Cultura da Deputación de Lugo, correrá a cargo de Manuel Miranda, presidente da asociación Mariña Patrimonio, e terá lugar ás 19:30 horas na Casa da Cultura de Foz.

No transcurso da súa exposición, o relator fará un percorrido polos xacementos arqueolóxicos costeiros dos citados concellos describindo as súas características, así como o estado no que se atopan na actualidade. E dará a coñecer novos xacementos costeiros descubertos nos últimos anos nestes concellos.

A asociación Mariña Patrimonio, na liña da súas actuacións, sostén que a divulgación do patrimonio arqueolóxico é fundamental para a súa protección e valorización. Neste senso, a charla busca non só informar senón tamén concienciar sobre a importancia de preservar para as xeracións futuras estes bens patrimoniais.