Barreiros celebra o seu Mercadiño na Primavera o 19 de maio

O Concello de Barreiros celebra una nova edición dos seus mercadiños estacionais. Será na Praza do Concello e o horario de apertura será de 11 da mañá a 8 da tarde.

Neste caso o Mercadiño na Primavera achegará ata a Praza do Concello produtos de calidade e proximidade en máis de 30 postos que encherán a praza de vida acompañados de actividades durante todo o día. Aos postos, que van desde alimentación a artesanía ou ornamentación, acompañaranos diferentes actividades e actuacións en directo durante a xornada.

O horario previsto para as mesmas é o seguinte:

Ás 12:30 horas actuación do grupo Os Mustélidos, que interpreta versións de temas coñecidos. Á mesma hora comezarán degustacións, de balde ata rematar existencia, tanto de minihamburguesas de Porco Celta, a cargo das ganderías Celtagal e Cmf Celtaporc; como da Cervexa Artesá Augas Santas Brew, a cargo da cervexería local homónima.

Ás 16:00 horas impartirase un obradoiro de arte floral, para o que é preciso con inscrición previa gratuíta no teléfono 982.13.44.00.

 Ás 17:30 horas terá lugar a actuación especial para o público infantil de Pakolas.

 Ás 19:45 horas, xa para rematar o mercadiño, celebrarase un sorteo dunha cesta de produtos de postos do propio mercadiño, para o que se entregarán papeletas por cada compra nos postos que terán que ser depositadas na urna correspondente.

Ademais o Concello volverá contar cun posto solidario de venda de libros, volveremos, cuxa recadación será doada á asociación Somos Unidos por el cáncer, coa que o Concello de Barreiros colabora nesta ocasión.

A alcaldesa, Ana Ermida, convida a toda a veciñanza a visitar e mercar nos distintos postos do vindeiro domingo 19 de maio e a desfrutar das distintas actividades “variadas e para todos os gustos que complementan á perfección un mercadiño no que os postos de proximidade e calidade son os protagonistas dun evento que xa está consolidado na programación municipal”.

Esta actividade conta coa colaboración da Área de Vicepresidencia da Deputación.